
16 Sep 3 bandas musicais galegas reinterpretarán a tradición musical galega na residencia artística ‘Mans.Xuntanza Creativa’
A Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans e ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, vén de abrir a convocatoria para participar na residencia artística-creativa “Mans. Xuntanza Creativa”. Tres bandas ou solistas do panorama musical galego colaborarán durante cinco xornadas na creación e gravación dunha peza musical que beba da tradición do folklore galego, mais que a achegue a novos estilos e sonoridades. “Mans. Xuntanza Creativa” terá lugar entre o 8 e o 12 de outubro de 2020 nas instalacións de Estudios Mans na Coruña.
Este proceso de colaboración creativa quedará ademais recollido a través dunha peza audiovisual que amosará a experiencia que atravesan as bandas participantes: a fusión de experiencias, estilos e coñecementos, a mestura de instrumentos e sonoridades, o conflito na creación, as ideas brillantes…
As bandas ou solistas que desexen participar desta experiencia musical deberán achegar un tema e un vídeo curto nos que se poidan avaliar a súa motivación para formar parte da residencia artística e no que demostren a súa capacidade para reinterpretar a tradición musical galega, sexa a través das melodías, ritmos, sonoridades ou textos. O período de inscrición permanecerá aberto na web de Estudios Mans até o 25 de setembro ás 14:00 horas.
Os participantes serán anunciados a través da web de Estudios Mans e as súas redes sociais o mércores 30 de outubro de 2020.
“Mans. Xuntanza Creativa” forma parte das accións do Plan de reactivación nos sectores turístico e cultural da Consellería de Cultura e Turismo fronte aos efectos da COVID-19 para a creación do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021.
A FUNDACIÓN PAIDEIA GALIZA-ESTUDIOS MANS E A SÚA APOSTA POLA MÚSICA EMERXENTE
Esta iniciativa ten como finalidade poñer en valor e a darlle visibilidade ao talento da mocidade emprendedora no sector musical. Enmárcase nunha das liñas de traballo da Fundación Paideia e de Estudios Mans dirixida ó fomento do emprendemento musical. Ademais da promoción das bandas emerxentes, desde Estudios Mans tamén se traballan outras áreas como a gravación, con propostas dirixidas ás/ós músicas/os emprendedoras/es ou a formación dirixida a que as/os artistas poidan poñer en marcha o seu proxecto musical a través de diferentes ferramentas que lles permitan profesionalizarse e deseñar o seu plan de negocio.
Sorry, the comment form is closed at this time.