
05 Jul ‘Carta de Santiago’, un encontro internacional para reflexionar sobre os desafíos globais da sociedade
A Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia presentaron esta mañá o proxecto “Carta de Santiago. Diálogos para unha sociedade de futuro”. Trátase dun encontro de tres dias que terá lugar do 5 ao 7 de novembro no novo Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Terá carácter internacional e está enmarcado dentro das accións do Xacobeo 21-22.
Carta de Santiago nace coa vocación de converterse nun gran espazo de reflexión. O obxectivo é dar resposta ós desafíos globais ós que se enfronta a sociedade tras unha crise sanitaria cun importante impacto social e económico. Contará coa participación de relatores e relatoras de prestixio internacional, especialistas nos diferentes eidos temáticos que tratará o evento.
Estructurarase en catro macro-áreas: economía, ciencia, medio ambiente e cidadanía. Das conclusións deste encontro nacerá unha publicación homónima. O documento Carta de Santiago recollerá as reflexións xeradas e incluirá textos que complementen as conversas e debates ao vivo.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara, participaron esta mañá na Cidade da Cultura na primeira reunión da comisión de co-creación do evento que, formada por galegos e galegas que destacan profesionalmente en diversos campos de acción, está xa a traballar na conformación do programa de contidos e relatores do foro.
No acto de presentación, o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza puxo en valor a importancia do proxecto Carta de Santiago para Galicia e agradeceu á Xunta ter escollido á Fundación Paideia Galiza como socio neste proxecto. “Os nosos proxectos están sempre comandados cunha clara vocación de servizo público, tomando como fío condutor o coñecemento autocrítico, independente, plural e reflexivo”. Engadiu ademais que o encontro Carta de Santiago “describe a filosofía que mantén a fundación desde os seus inicios no ano 1986 e exemplifica a misión da Fundación Paideia Galiza nesa busca de resposta aos retos aos que nos enfrontamos as persoas e a sociedade”.
Comisión de co-creación
Carta de Santiago conta cun comité de cocreadores encargado de darlle forma ao programa de contidos e relatores do encontro. Este comité está formado por persoeiros de diferentes eidos temáticos, e do que forman parte, por exemplo, Amparo Alonso, licenciada en Química e doutora en Física, catedrática da Universidade da Coruña e presidenta da Asociación Española para la Inteligencia Artificial (AEPIA). También participaron Pedro Calaza, doutor enxeñeiro agrónomo pola Universidade de Santiago de Compostela e director da Escola Galega da Paisaxe ou Mónica Fernández Aceytuno, licenciada en Ciencias Biolóxicas pola Universidad Complutense de Madrid, Premio Nacional de Medio Ambiente “Félix Rodríguez de la Fuente de Conservación de la Naturaleza” en 2003.
Completan o cadro de especialistas no eido científico os nomes de Ana Freire, doutora en Ciencias da Computación, Premio Fundación Real Academia de Ciencias al Joven Talento Científico Femenino e fundadora do Concurso Internacional Wisibilízalas; César de la Fuente, investigador en biotecnoloxía recoñecido polo MIT como un dos científicos máis innovadores menores de 35 anos; ou Marisol Soengas, xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas e vicepresidenta da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer, recoñecida coa Medalla Fritz Anders á Investigación en Cancro de Pel.
Por último, tamén se inclúen nesta comisión os nomes das empresarias Cristina Fernández-Armesto –socia da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda e Premio Empresarias de Galicia 2019– e Isabel López-Chamorro, agricultora ecolóxica e promotora da primeira comunidade de vivenda compartida interxeracional de Galicia; o escritor Domingo Villar, a xornalista Marga Pazos, a cantante e compositora Luz Casal, o pintor e escultor Franciso Leiro e a presidenta da Fundación Paideia Galiza, Sandra Ortega.
Sorry, the comment form is closed at this time.