A Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia organizan o V Ciclo de Xornadas de Industrias Musicais con primeiras figuras do sector

A Fundación Paideia Galiza e a  Xunta de Galicia organizan o V Ciclo de Xornadas de Industrias Musicais baixo o título “Amplificando o directo: novos escenarios na contorna dixital”.

As 3 citas, programadas para os sábados 13 de marzo, 17 de abril e 8 de maio abordarán as posibilidades dos medios dixitais para o desenvolvemento das carreiras de artistas emprendedores no sector musical.

O primeiro dos encontros, “Monetiza a túa música en liña”, celebrarase o sábado 13 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela (Rúa Nova 34) entre as 12:00 e 13:30 horas.

Esta sesión contará coa participación de Ana Biedma, A&R Label Manager en Altafonte, e Saúl Cabrera, Director para España e LATAM en EmuBands. Ámbolos  dous son expertos na distribución de contido musical a través de plataformas dixitais.  O acto estará conducido e moderado polo xornalista e especialista en comunicación Luis Fraga.

As xornadas poderán seguirse presencialmente e tamén a través de live streaming. A inscrición para esta xornada xa está aberta a través da web de Fundación Paideia Galiza www.paideia.es.

Actuación de artistas emerxentes

 

Igual que nas anteriores edicions, as palestras estarán acompañadas dun showcase dunha banda ou artista emerxente. Na primeira xornada contaremos coa actuación da cantautora galega Sheila Patricia.

As seguintes xornadas incluídas dentro deste ciclo celebraranse o 17 de abril e o 8 de maio. As ubicacións escollidas son o Edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela e o Náutico de San Vicente do Grove.

Na xornada do 17 de abril tratarase “O contido audiovisual no éxito musical”. Participarán Karen Saurí, Video Music Producer na axencia audiovisual CANADA e  Jesús Guisado, Co-Director do festival Monkey Week.

Finalmente, pecharase o ciclo de xornadas o 8 de maio falando do “Desenvolvemento do talento no escenario dixital”. Participará a  recoñecida manager española Rosa Lagarrigue e a experta en
medios de comunicación e radiofórmula Sandra Rotondo.

A Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia procuran, a través da organización destas Xornadas, o intercambio, o debate e a reflexión entre as/os profesionais vencelladas/os á industria musical, ofrecendo ferramentas para o medre do sector e o fortalecemento da súa actividade emprendedora.

No hay comentarios

Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.

X