A FUNDACIÓN PAIDEIA GALIZA XESTIONARÁ A SEGUNDA ACELERADORA DE PROXECTOS MUSICAIS DE GALICIA

 

A Fundación Paideia Galiza foi seleccionada pola Agadic como entidade colaboradora para a xestión da segunda edición doPrograma de aceleración cultural para proxectos musicais. Esta convocatoria dálle continuidade á primeira convocatoria da iniciativa. O obxectivo é  impulsar as carreiras de novos artistas e grupos galegos con especial potencial de proxección. 

 

Ao igual que na súa primeira entrega, a segunda edición do programa de aceleración musical desenvolverase en diferentes fases, cun período inicial de consultaría e mentoring en distintas ramas do negocio musical (proposta artística, promoción e comercialización), confección de produtos musicais e deseño dun plan estratéxico para o seu lanzamento. Na segunda fase, destinada á promoción e difusión, contémplase a participación en circuítos de concertos, festivais e espazos profesionais da industria musical, ademais dun evento final de presentación pública dos proxectos. Xa está aberto o prazo de inscrición para todos os proxectos interesados que rematará o vindeiro 16 de outubro.

 

A dotación que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina á xestión e seguimento da aceleradora é de 60.000 euros, ao abeiro dos Fondos NextGeneration e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea. Para a execución posterior do programa, sumaráselle un novo orzamento dirixido ao desenvolvemento das actividades de consultaría e promoción dun máximo de 12 bandas e artistas. 

Na primeira edición da aceleradora cultural de proxectos musicais Sonemerxente participaron 10 artistas: Zeltia Irevire, Adrian Timms, Ani Baires, Paraíso Canto, Law, Hydn, Helena Egea, Samudra Trio, Mondra e De Ninghures.

No hay comentarios

Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.

X