03 Dic Leticia Rey, gañadora do Concurso de Bandas Emerxentes Sonidos Mans Salas
Leticia Rey alzouse co primeiro premio no concurso de bandas galegas emerxentes Sonidos Mans Salas. Trátase dun certame organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación da Coruña. A cantautora de Vila de Cruces (Pontevedra) sorprendeu ao xurado coa súa calidade vocal, a honestidade das súas composicións e a súa posta en escena. Leticia Rey faise así co primeiro premio que a leva a gravar un EP e un videoclip en Estudios Mans e a presentar o seu traballo en directo o vindeiro sábado 12 de decembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A banda coruñesa Lora, segunda clasificada, gravará tamén un tema e o seu videoclip en Estudios Mans.
Tras anos de traballo e formación, a voz de Leticia Rey enche de luz os seus temas, cancións en inglés, galego e castelán, cheas de significado. De coidada construción, as cancións desta cantautora emerxente están cargadas dun misticismo e espiritualidade que envolven a quen as escoita. Neste ano 2020, Leticia Rey gravou e publicou o seu primeiro single, titulado “Through the wind”, que pode ser escoitado nas principais plataformas dixitais. Proximamente abrirase o proceso de inscrición para poder asistir de forma gratuíta á súa presentación en directo no Salón Teatro o vindeiro 12 de decembro.
O xurado estivo formado por 3 programadoras dalgunhas das salas de concertos máis recoñecidas do panorama galego: Noe Vázquez (A Arca da Noe), Suso Santamaría (A Pousada da Galiza Imaxinaria) e Miguel de la Cierva (Náutico de San Vicente). Nesta edición, Sonidos Mans Salas contou coa inscrición de 55 participantes chegados de todo o territorio galego, sendo Demo Rumudo, Lucas Blanco, Leticia Rey, Ambigüo e Lora, as bandas e solistas escollidas para participar na audición final.
Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.