11 Ago Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo. Inscrición aberta!
A Fundación Paideia Galiza xunto á EOI – Escuela de Organización Industrial e á Deputación da Coruña, veñen de abrir a inscrición no programa formativo “Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo”. Este programa formativo, dirixido a menores de 30 anos en situación de desemprego, levarase a cabo de xeito presencial entre os meses de setembro e decembro, e poderá realizarse nos concellos de Boiro e As Pontes de García Rodríguez. Ademais de recibir máis de 250 horas de formación, as persoas participantes crearán en grupo proxectos de cooperativas no sector do márketing dixital e poderán optar a un premio polo que recibirán apoio financeiro para a constitución e desenvolvemento da súa cooperativa durante todo o ano 2022.
A participación neste programa formativo é totalmente gratuíta e nel contarase con recoñecidos/as profesionais do márketing dixital e do traballo cooperativo, referentes tanto a nivel galego como nacional. As clases grupais levaranse a cabo de xeito presencial de luns a venres, de 10:00 a 14:00, contando con dúas sedes nas que poder realizar a formación: o LabBarbanza no Concello de Boiro e a Casa Dopeso nas Pontes de García Rodríguez. Durante o período de formación recibiranse ademais titorías individualizadas para o desenvolvemento de proxectos de cooperativismo no sector do márketing dixital. Estes proxectos serán presentados nunha xornada na que dous deles serán recoñecidos cun premio polo que recibirán apoio financeiro para a posta en marcha do proxecto durante o ano 2022, incluíndo salarios e gastos de constitución. Ademais, durante todo ese ano contarán co asesoramento da consultora Ernst & Young para a xestión e desenvolvemento comercial das cooperativas gañadoras.
Esta é unha iniciativa conxunta da Fundación Paideia Galiza, a EOI – Escuela de Organización Industrial, e a Deputación da Coruña, pola que se procura mellorar a empregabilidade da mocidade galega creando oportunidades a través de modelos de traballo cooperativo nun sector en continuo medre. Para poder levala a cabo contan co apoio do Concello de Boiro e do Concello das Pontes de García Rodríguez.
A participación neste programa formativo é totalmente gratuíta. As persoas interesadas deben realizar a súa preinscrición a través do seguinte enlace antes do 31 de agosto.
Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.