A Fundación Paideia Galiza e a Agadic organizan a terceira Xornada do ciclo “Fronteiras, condicións de traballo e marcas na industria musical”.

  • A terceira xornada incluída no ciclo celebrarase o vindeiro xoves 2 de xullo na Coruña e abordará a música como territorio perfecto para unir marcas e consumidores.
  • Contará coa participación de Cristina García (Directora de Márketing e Comunicación en Esmerarte Industrias Creativas) e Santiago Miguélez (Director de Márketing para Iberia en Hijos de Rivera SAU). Presentará o acto a xornalista Belén Regueira.
  • O acto contará coa presentación en formato showcase da banda emerxente Elman.
  • A Fundación Paideia Galiza e AGADIC organizan este ciclo coa finalidade de favorecer o intercambio, debate e reflexión sobre a importancia da música e dos profesionais vinculados á industria musical.

A Fundación Paideia Galiza, coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia, organizará o vindeiro xoves 2 de xullo a terceira e derradeira xornada do ciclo “Fronteiras, Condicións de traballo e Marcas na Industria Musical”.

Esta mesa de exposición e debate, organizada baixo o título “A música: o territorio perfecto para unir marcas e consumidores” contará coa participación da Directora de Márketing e Comunicación en Esmerarte Industrias Creativas, Cristina García, e o Director de Márketing para Iberia en Hijos de Rivera, Santiago Miguélez.

A xornada “A música: o territorio perfecto para unir marcas e consumidores” celebrarase o vindeiro xoves 2 de xullo entre as 19:00 e as 20:30 h na sede da Fundación Paideia Galiza (Plaza de María Pita, 17,  A Coruña).  O aforo será limitado, seguindo todas as medidas recollidas na lexislación vixente respecto da protección fronte a COVID-19.

A xornada estará moderada pola xornalista Belén Regueira, cunha salientable traxectoria profesional nos medios públicos galegos, onde presentou o programa musical “Chambo” e dirixiu o espazo radiofónico “Extrarradio” que impulsou o concurso “A polo ghit”. No ano 2008 acadou o Premio Mestre Mateo á mellor comunicadora.

O acto contará coa presentación en formato showcase da banda emerxente Elman, composta por Keenan Elman, Cristóbal Castro e Fernando Fraga.

Xa está aberto o prazo de inscrición a través da web da Fundación Paideia Galiza https://www.paideia.es/eventos/.  A entrada é libre até completar aforo.

Esta xornada, orixinalmente programada para celebrarse o pasado 2 de abril, mais posposta por mor das limitacións provocadas pola COVID-19, pecha o IV ciclo de Xornadas en Industrias Musicais que anualmente vén celebrando a Fundación Paideia Galiza coa colaboración de AGADIC.  Fundación Paideia Galiza e AGADIC pretenden favorecer, coa organización destas xornadas, o intercambio, o debate e a reflexión do papel dos/as profesionais vencellados/as á industria musical.

No hay comentarios

Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.

X