Convocatoria dos premios «Mans Futuro» para apoiar a excelencia nas ensinanzas musicais

A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, veñen de renovar a súa colaboración para impulsar os Premios Mans Futuro. Este certame, que xa celebra a súa décimo sexta edición, apoia a excelencia nas ensinanzas musicais. Poderán concorrer ós  XVI Premios á excelencia musical Mans Futuro 2021 ás/ós tituladas/os de ensinanzas superiores de música na especialidade de interpretación dos conservatorios galegos. Concederase un primeiro premio á/ó candidata/o que obteña a maior cualificación no proceso de selección que se convoque. As/os premiadas/os poderán acceder a unha gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun CD de 45 minutos de duración nos Estudios Mans da Coruña.

Así mesmo, haberá dúas mencións de honra á excelencia musical. O premio consistirá nunha gravación dunha maqueta cunha duración máxima de 25 minutos. Adicionalmente, as/os tres premiadas/os poderán gravar un vídeo nos Estudios Mans.

Premios extraordinarios das ensinanzas artísticas profesionais

 

Ademais, a Fundación Paideia Galiza concederá un premio complementario ás/ós tres alumnas/os que obteñan os premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais na modalidade de música no curso 2020/2021.

Este galardón complementario consistirá na gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun repertorio de 25 minutos por alumno/a. Gravarán ademais un vídeo nos Estudios Mans cunha duración de tres minutos como máximo.

O obxectivo destes premios é recoñecer o esforzo das/os alumnas/os que rematan os seus estudos profesionais e superiores de música en Galicia, ademais de servirlles como proxección.

Así mesmo, o feito de teren a oportunidade de crear un CD, unha maqueta ou un video gravados de maneira profesional permítelles dar visibilidade ó seu traballo e coñecer en primeira persoa as fases de gravación, edición, difusión e distribución dun traballo musical.

Os Premios á Excelencia Musical Mans Futuro enmárcanse dentro dunha das liñas de traballo da Fundación Paideia Galiza e de Estudios Mans, dirixida ao fomento do emprendemento musical.

BASES DO CONCURSO

 

No hay comentarios

Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.

X