08 Sep Nova formación para emprendedores/as culturais no rural galego
A Fundación Paideia Galiza ven de abrir o periodo de inscrición nunha nova acción formativa dirixida ao emprendemento sustentable de proxectos culturais e artísticos no rural, que comezará o vindeiro 30 de setembro. Esta formación está enmarcada nun convenio firmado entre a Fundación Paideia e a Fundación EOI – Escuela de Organización Industrial, para a posta en marcha de accións formativas dirixidas ao eido da cultura e a arte no rural. Esta primeira edición de 2022, que conta coa colaboración dos Grupos de Desenvolvemento Rural, Asociación Deloa, ASDECOMOR e Ribeira Sacra-Courel, porá a disposición do alumnado do curso, profesionais e experiencias de gran percorrido no eido da xestión da cultura no rural.
O Coworking Go2Work é un programa de desenvolvemento profesional sen custo para os seus participantes grazas á cofinanciación do Fondo Social Europeo, que ofrece unha formación especializada para a xestión de proxectos culturais e artísticos a través de clases presenciais combinadas con titorías individuais.
Xa está aberto o prazo de inscrición a través do seguinte enlace para todas aquelas persoas que desexen participar nesta iniciativa, que contará cun total de 60 horas formativas presenciais e de 40 de titorías individuais para cada un dos proxectos participantes. As sesións presenciais desenvolveranse os venres en horario de 16:00 a 20:00 h e os sábados de 10:00 a 14:00 na sede que a Fundación Paideia Galiza ten en Padrón.
Participarán como relatores e titores recoñecidos/as profesionais na xestión da cultura no rural, como Rodrigo Cuevas, artista que lidera La Benéfica de Piloña, a zoqueira Elena Ferro, Keka Losada, do Festival de Cans e expertos en financiamento, traballo cooperativo, dereito, sustentabilidade ou márketing e comunicación. O taller de apertura, que terá lugar o día 30 de setembro, será guiado polo Subdirector Xeral de Cooperación coas Comunidades Autónomas, Benito Burgos. Consulta o programa completo.
Pódese ampliar información a través do correo electrónico padron@paideia.es ou do teléfono 981 817 000 e da páxina web de EOI – Escuela de Organización Industrial.
Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.