Soul Maxín e Astrogirl, gañadores do concurso de bandas emerxentes Outra+Outra

A Sala Capitol de Santiago de Compostela acolleu o 16 de novembro a final do concurso de bandas emerxentes Outra+Outra, organizado por Fundación Paideia GalizaEstudios Mans coa colaboración da Deputación da Coruña.  Nesta nova edición do certame, que iniciou a súa andadura no ano 2005, participaron como finalistas cinco agrupacións da provincia da Coruña. Da trintena de inscritos no certame, só 5 conseguiron chegar á audición en directo na que presentaron as súas propostas musicais.

As agrupacións finalistas que participaron na audición final de Outra+Outra foron Astrogirl (Miño), Adhara and Ritman (A Coruña), En Casa del Herrero (A Coruña), Maneida (Narón) e Soul Maxín (Santiago). Tras presentar o seu repertorio durante aproximadamente 20 minutos de actuación, o xurado composto por promotores e programadores de salas de concertos de Santiago de Compostela como  Antonio Borrazás (Sala Capitol), Martín Calviño (Sala Riquela), Miguel Lueiro (Sala Sónar) e Ricardo Picón (Sala Moon), outorgou o primeiro premio á banda compostelana Soul Maxín. Trátase dunha agrupación con menos dun ano de vida formada por sete músicos que presenta a súa proposta como banda de soul con influencias do rock, pop ou o jazz. O segundo premio foi para Astrogirl, un proxecto da artista María Jesús Cabana, chegada desde o Concello de Miño e que forma parte dunha nova xeración de cantautores da comarca da Coruña. Os dous premiados poderán gravar un EP nos Estudios Mans da Coruña. Soul Maxín, o primeiro clasificado, poderá ademais grabar un videoclip.

Outro plato forte da noite foi a actuación da galega Marta Fierro, máis coñecida como EME DJ. Trátase dunha das DJs más importantes da escea indie-disco en España e que foi elixida como Mellor DJ Nacional pola revista Rockdelux durante tres anos consecutivos. O evento estivo presentado pola xornalista cultural Marta Gómez.

APOIO Ó EMPRENDEMENTO MUSICAL

Outra+Outra é un programa enmarcado dentro do eixo de emprendemento de Fundación Paideia Galiza e ten como finalidade a promoción da creatividade artística e a posta en valor do talento dos emprendedores do sector musical. Por este motivo, a Fundación Paideia Galiza, coa colaboración da Deputación da Coruña, pon ó servizo dos emprendedores do sector cultural e musical da Provincia da Coruña, a oportunidade de participar nun certame a través do que os finalistas tiveron a oportunidade de actuar nunha das salas máis importantes de Galicia. Ademais, os gañadores gravarán un EP en Estudios Mans, un estudio de gran formato que conta ademais cun plató audiovisual de 240 m².

 

No Comments

Sorry, the comment form is closed at this time.

X