A Industria Musical leva inherente a creatividade e a adaptación a novos escenarios. O contexto actual irrompeu transformando os modelos de distribución de produtos musicais, sexan gravados ou en directo. Baixo o título “Amplificando o directo: novos escenarios na contorna dixital” acolleremos a profesionais da Industria Musical que nos acheguen respostas e cos que xerar debate en torno a preguntas como: Como podemos sacar rendibilidade da distribución musical a través de plataformas dixitais? Cal é a legalidade que ampara os meus dereitos na distribución dixital da miña música? Como podo adaptar o contido audiovisual do meu proxecto para chegar ao meu público? Cales destas novas fórmulas chegan para ficar? Como se poden detectar novos talentos neste novo contexto?
Ana Biedma | A&R Label Manager en Altafonte
Licenciada en Xornalismo pola Universidad de Sevilla e Máster en Industria Musical y Estudios Sonoros pola Universidad Carlos III de Madrid. Traballou en empresas do sector musical como Green UFOs, Ticketea ou Universal Music Spain. Actualmente, en Altafonte, acompaña a selos, managers e artistas a mellorar o posicionamiento online dos seus lanzamentos e os asesora para sacar o máximo rendemento a tódalas ferramentas dixitais que teñen ao seu alcance.
Saúl Cabrera | Director para España e LATAM de EmuBands
Consultor e formador de estratexia empresarial especializado en internacionalización e desenvolvemento de negocio. Saúl leva case unha década na industria musical coordinando o desenvolvemento de mercado de EmuBands para LATAM e España. Especializado no ámbito económico da distribución dixital, combina as súas funcións de dirección co asesoramento a selos discográficos e artistas.
Luis Fraga | Xornalista e experto en comunicación
Luis Fraga é un profesional independente da comunicación, asesor de comunicación para empresas e todo tipo de organizacións. Pertence ao corpo docente da Universidad Nebrija e de Atresmedia Formación, grupo de comunicación ao que segue vencellado trala súa etapa como presentador, editor e reporteiro de informativos de Antena 3 Noticias.
Sheila Patricia
E unha das voces da nova canción de autora en Galicia. Filla dunha galega e un arxentino/asturiano. As súas composicións, con rasgos característicos do folclore de ambos lugares, sempre se arroupan polas cordas dunha guitarra, un instrumento que unifica os dous continentes. A crianza nas Rías Baixas, próxima á fronteira con Portugal, non deixan indiferente a súa percepción da música. Sheila, ten ese modo de cantar, similar ás veces ao pranto fadista, con grande profundidade na interpretación. Sheila ven de estrear ‘Camiño Branco’ xunto co guitarrista arxentino Raúl Kiokio. Unha peza musicada sobre un poema de Rosalía que non deixará indiferente aos ouvidos de ninguén.