Actuación Yosune

O audiovisual na industria musical a debate na Cidade da Cultura

O pasado sábado 17 de abril celebrouse a segunda cita do V ciclo de Xornadas de Industrias Musicais organizado pola Fundación Paideia Galiza. Baixo o título «O contido audiovisual no éxito musical», reuníronse na Cidade da Cultura profesionais do sector interesados/as polo impacto da creación audiovisual no desenvolvemento das/dos artistas musicais. O evento puido ser seguido tamén a través de live streaming na canle de YouTube de Fundación Paideia Galiza.

Esta sesión contou coa participación de Karen Saurí, Music Video Producer na produtora audiovisual Canada. Saurí ven de ser preseleccionada como Mellor Producer do ano nos prestixiosos UK Music Video Awards 2020. Con ela descubrimos os medios necesarios para crear un videoclip de gran produción, mais tamén aconsellou como artistas emprendedores poden adaptar e procurar os medios para crear pezas audiovisuais de gran calidade. Tamén contamos con Jesús Guisado, co-Director do Monkey Week, primeiro festival de showcases e feira da industria musical de España. Dadas as restricións para a súa celebración, a edición 2020 deste festival transformouse nunha gran produción audiovisual con programas e concertos retransmitidos en streaming. Con Jesús debatemos sobre como os festivais integrarán esta nova canle de retransmisión e participación no futuro.

Trala palestra e debate contamos coa actuación da cantautora venezolana Yosune. O acto estivo conducido e moderado pola escritora e editora coruñesa Lúa Mosquetera.

As xornadas continúan o 8 de maio

A terceira e última das xornadas incluídas dentro deste ciclo celebrarase no mesmo horario o 8 de maio no Náutico de San Vicente do Grove. O periodo de inscrición abrirá o luns 26 de abril a través do seguinte enlace. A Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia procuran, a través da organización destas Xornadas, o intercambio, o debate e a reflexión entre as/os profesionais vencelladas/os á industria musical, ofrecendo ferramentas para o medre do sector e o fortalecemento da súa actividade emprendedora.

No hay comentarios

Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.

X