13 May Pechamos as V Xornadas de Industrias Musicais falando do talento no escenario dixital
O pasado 8 de maio celebramos no Náutico de San Vicente (O Grove) a última das xornadas do V ciclo de Xornadas de Industrias Musicais. Baixo o título «Desenvolvemento do talento no escenario dixital», debatemos sobre o desenvolvemento do talento no actual contexto de predominancia dixital nos medios de promoción. Podes volver desfrutar da xornada a través da canle de YouTube de Fundación Paideia Galiza.
Esta sesión contou coa participación de Rosa Lagarrigue, Manager e CEO de RLM. Lagarrigue ten desenvolto a carreira de moitos dos artistas máis importantes da música en español como Mecano, Alejandro Sanz, Malú e, actualmente, Rozalén, Cami ou Raphael, entre outros. Grazas á súa experiencia puidemos coñecer como ten mudado o desenvolvemento da carreira dun artista coa irrupción dos medios dixitais. Tamén contamos coa participación de Sandra Rotondo, especialista en medios de comunicación e radiofórmula, quen fora até hai uns meses Directora da Área de Música de Prisa Radio. Con ela puidemos coñecer polo miudo as actuais tendencias de comunicación omnicanle na distribución de contido musical.
Trala palestra e debate contamos coa actuación da cantautora Catuxa Salom, quen sorprendeu coa súa mistura de tradición galega, ritmos tribais e electrónica. O acto estivo conducido e moderado pola Manager e CEO de dotbeat! Patricia Hermida.
A Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia procuran, a través da organización destas Xornadas, o intercambio, o debate e a reflexión entre as/os profesionais vencelladas/os á industria musical, ofrecendo ferramentas para o medre do sector e o fortalecemento da súa actividade emprendedora.
Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.