Cartaz Desenvolvemento do talento no escenario dixital

Inscríbete na xornada «Desenvolvemento do talento no escenario dixital»

A Fundación Paideia Galiza abre o prazo de inscrición para participar na terceira xornada do V ciclo de Xornadas de Industrias Musicais.  Baixo o título “Desenvolvemento do talento no escenario dixital”, terá lugar no Náutico de San Vicente no Grove (Pontevedra) o sábado 8 de maio ás 12:00. Poderá seguirse presencialmente ou por live streaming a través da canle de YouTube de Fundación Paideia Galiza. A inscrición para esta xornada fica aberta a través do seguinte enlace.

Esta sesión contará coa participación de Rosa Lagarrigue, considerada por moitos como a manager máis influinte do panorama latino. Lagarrigue ten desenvolto a carreira de moitos dos artistas máis importantes da música en español como Mecano, Alejandro Sanz, Malú… Contaremos tamén coa participación de Sandra Rotondo, ex-Directora Xeral de Prisa Música e vencellada á industria musical desde os anos 80. Rotondo ten ocupado diferentes postos de responsabilidade en selos discográficos e promotoras de concertos. Dirixiu Planet Events, actualmente empresa líder en España na promoción e produción de xiras de artistas latinos a nivel internacional.

Con elas descubriremos como están a mudar as estratexias de promoción dos/as artistas musicais no actual contexto de predominio da comunicación dixital. Trala palestra e debate contaremos coa actuación de Catuxa Salom. O acto estará conducido e moderado pola manager, produtora e CEO de dotbeat! Patricia Hermida.

A Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia procuran, a través da organización destas Xornadas, o intercambio, o debate e a reflexión entre as/os profesionais vencelladas/os á industria musical, ofrecendo ferramentas para o medre do sector e o fortalecemento da súa actividade emprendedora.

No Comments

Sorry, the comment form is closed at this time.

X