17 Mar Profesionais da industria musical debaten no Salón Teatro de Santiago sobre a distribución dixital
A Fundación Paideia Galiza, coa colaboración da Xunta de Galicia, arrincou este sábado 13 de marzo o V Ciclo de Xornadas de Industrias Musicais. “Monetiza a túa música en liña” foi o título desta primeira xornada na que se abordou a distribución de contido musical a través de plataformas e ferramentas dixitais. O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolleu esta primeira sesión.
Participaron como relatoras/es Ana Biedma, A&R Label Manager en Altafonte, e Saúl Cabrera, Director para España e LATAM en EmuBands. Ámbolos dous son expertos na distribución de música en liña e na xestión de dereitos para as creadoras e creadores musicais. A sesión foi moderada polo xornalista e especialista en comunicación Luis Fraga. Contou ademais coa participación de Jacobo Sutil, Director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e de Guillermo Vergara, Vicepresidente da Fundación Paideia Galiza.
Música en directo
A xornada contou ademais coa actuación en directo da cantautora Sheila Patricia, que estivo acompañada polo músico Raúl Kiokio.
Novas sesións na Cidade da Cultura de Compostela e no Grove
As seguintes xornadas incluídas dentro deste ciclo celebraranse o 17 de abril e o 8 de maio. A primeira será no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Tratarase “O contido audiovisual no éxito musical” con Karen Saurí, Video Music Producer da axencia audiovisual CANADA, e con Jesús Guisado, Co-Director do festival Monkey Week. Finalmente pecharase o ciclo no Náutico de San Vicente do Grove coa xornada acerca do “Desenvolvemento do talento no escenario dixital”. Participará a recoñecida manager española Rosa Lagarrigue e a experta en medios de comunicación e radiofórmula Sandra Rotondo.
A Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia procuran en definitiva, o intercambio, o debate e a reflexión entre as/os profesionais vencelladas/os á industria musical, ofrecendo ferramentas para o medre do sector e o fortalecemento da súa actividade emprendedora.
Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.