Kaki Arkarazo, Campi Campón e Wöyza debaten sobre «A canción in-perfecta» en Pontevedra

A Fundación Paideia Galiza celebrou o pasado 31 de marzo en Pontevedra a  primeira xornada do VI Ciclo de Xornadas de Industrias Musicais.  O título do encontro foi  “A canción IN-perfecta”. Esta sesión contou coa participación de Campi Campón, músico, enxeñeiro e produtor para artistas como Vetusta Morla, Xoel López ou  Morgan. Participou ademais Kaki Arkarazo, músico, instrumentista e produtor musical de grupos como Os Diplomáticos de Montealto, Amparanoia, Betagarri ou  a Banda Bassotti. Baixo o título “A canción IN-perfecta” debatiuse sobre os retos e oportunidades da industria musical desde varias perspectivas e experiencias. Tras a presentación o dúo Paraíso Canto ofreceu un showcase. O acto estivo presentado e moderado pola cantante, compositora e produtora Wöyza. 

Proximamente abrirase o prazo de inscrición para as outras dúas xornadas incluídas no ciclo. O 28 de abril celebrarase “A imaxe IN – perfecta” que abordará a importancia da imaxe dos/as artistas á hora de lanzar un traballo. Participarán Xaime Miranda, cineasta, director e realizador audiovisual e Sergio Steel, director, operador de cámara e co-fundador de Galizian Urban Proyect (GUP). Con eles aprenderemos sobre a imaxe e o lanzamento da música a través das súas experiencias na industria. Nesta xornada a música virá da man do dúo Irevire. O acto vai ser presentado e moderado pola cantante e baixista do grupo Triángulo de Amor Bizarro, Isabel Cea. O 26 de maio, baixo o título “O directo IN-perfecto” farase un repaso das fases necesarias para levar ao directo un proxecto musical coas mellores garantías de éxito. As xornadas celebraranse nas cidades de Ourense e Vigo respectivamente.

Este ciclo está organizado en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Agadic – Axencia Galega das Industrias Culturais.

Traballando para a profesionalización da música emerxente

A Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia teñen como obxectivo, a través da organización destas xornadas que van pola súa sexta edición, favorecer o intercambio, o debate e a reflexión entre os/as profesionais vencellados á industria musical. Todo isto a través de  ferramentas para o crecemento do sector e o fortalecemento da súa actividade emprendedora. Estas accións están enmarcadas nun convenio de colaboración entre a Agadic e a Fundación Paideia Galiza para traballar por unha maior profesionalización no ámbito da música emerxente.

No hay comentarios

Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.

X