18 Mar Iniciamos un novo ciclo de Xornadas de Industrias Musicais en Pontevedra
A Fundación Paideia Galiza abre o prazo de inscripción para participar na primeira xornada do VI Ciclo de Xornadas de Industrias Musicais. Este primeiro encontro celebrarase o vindeiro xoves 31 de marzo ás 19:00 h no espazo Nemonon de Pontevedra (Marqués de Riestra, 11). O título do encontro será “A canción IN-perfecta”. Esta sesión contará coa participación de Campi Campón, músico, enxeñeiro e produtor para artistas como Vetusta Morla, Xoel López ou Morgan. Contará tamén coa participación de Kaki Arkarazo, músico, instrumentista e produtor musical de grupos como Os diplomáticos de Montealto, Amparanoia, Betagarri ou a Banda Bassotti. Con eles descubriremos os retos e oportunidades da industria musical desde varias perspectivas e experiencias. Tras a presentación e debate o dúo Paraíso Canto ofrecerá un showcase. O acto estará presentado e moderado pola cantante, compositora e produtora Wöyza.
A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través da web da Fundación Paideia Galiza ata completar aforo. Este ciclo está organizado en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Agadic – Axencia Galega das Industrias Culturais.
Proximamente abrirase o prazo de inscrición para as outras dúas xornadas incluídas no ciclo. O 28 de abril celebrarase “A imaxe IN – perfecta” que abordará a importancia da imaxe dos/as artistas á hora de lanzar un traballo. O 26 de maio, baixo o título “O directo IN-perfecto” farase un repaso das fases necesarias para levar ao directo un proxecto musical coas mellores garantías de éxito. Celebraranse nas cidades de Ourense e Vigo respectivamente.
Traballando para a profesionalización da música emerxente
A Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia teñen como obxectivo, a través da organización destas xornadas que van pola súa sexta edición, favorecer o intercambio, o debate e a reflexión entre os/as profesionais vencellados á industria musical. Todo isto a través de ferramentas para o crecemento do sector e o fortalecemento da súa actividade emprendedora. Estas accións están enmarcadas nun convenio de colaboración entre a Agadic e a Fundación Paideia Galiza para traballar por unha maior profesionalización no ámbito da música emerxente.
Sorry, the comment form is closed at this time.