LOS TESTIMONIOS DE NUESTR@S VOLUNTARI@S

O día 10 de setembro cheguei a Austria con dúas maletas cargadas de roupa e sen saber moi ben que agardar desta experiencia. A todos os meus amigos que non sabían o que ía facer un ano no estranxeiro dicíalles que era coma «un Erasmus para voluntarios», pero nin eu mesmo sabía que quería dicir eso. Dous meses despois, e sen ter feito un Erasmus co que poder comparalo, podo dicir que non se asemella a nada do que me imaxinaba. Aquí sumérxeste na realidade doutro país e doutra cultura dunha forma distinta a cando es estudante, pois tes que relacionarte con xente de todo tipo, de idades moi diversas (pois o traballo xuvenil non é exclusivo para xente nova). Tes que tomar decisións, tomar a iniciativa, asumir responsabilidades, ser creativo… En definitiva, saír completamente da túa zona de comfort. Ó principio sínteste perdido, pero pouco a pouco vas gañando en confianza contigo mesmo e co teu entorno, descubrindo que es capaz de facer cousas que xamais te atreverías a facer na casa.

Obviamente o voluntariado é todo un reto, pero por sorte contamos cunha comunidade de xente que nos apoia e nos fai sentir que esta pequena vila preto dos Alpes xa é o noso fogar. Ademais, aquí estamos voluntarios de toda europa (españois, alemáns, turcos, portugueses…), o que nos permite non só coñecer a cultura e costumes de Austria senón tamén de moitos outros países, e, por suposto, facer amizades únicas con xente de todo o mundo.

Se hai alguén lendo isto que aínda non se decidiu, diríalle que non o dubide, que a experiencia paga a pena. E si, é certo que haberá momentos difíciles, pero todo o que te levas de volta na maleta pesa e vale moito máis que toda a roupa que trouxeches.
X