Un galego no sur de Italia
Tratarei con este escrito poder dar un relato de como vivín estes tres primeiros meses do meu voluntariado no sur de Italia, así como os momentos antes da saída e relatando como están sendo as emocións neste tempo.
Para empezar gustaríame recalcar a idea de que facer un proxecto de voluntariado significa convivir, compartir, escoitar e sobre todo descubrir. Para min as experiencias que estou a vivir son, na inmensa maioría, moi positivas e gratificantes en canto a coñecer persoas, aprender unha lingua, descubrir sitios novos, saber como vive a xente nun sitio diferente ao teu, compartir momentos ou probar comidas novas; obviamente, como en todo na vida, ás veces danse situacións difíciles nas que botas de menos aos teus, nas que te reprantexas se o que estas facendo en realidade é o que queres ou se non estarías mellor na casa desfrutando ese momento que están a vivir as túas amizades que ves nunha historia de Instagram.
Unha cousa que creo que é moi importante de dicir dende a miña posición é recalcar a idea de que o voluntario en ningún momento está só, sempre hai un grupo de amizades que fas na cidade a onde chegas, un grupo de persoas voluntarias que xa están alí que te acollen, unha organización que se preocupa por como estás e tamén unha organización de envío que fai por saber como o estás levando.
A miña recomendación en liñas xerais é que, se tes claro que queres facer isto que o fagas, porque é unha experiencia xenial e os medos e problemas que se teñen ao inicio desaparecen a primeira semana no sitio a onde vas. Con isto non quero dicir que non pode haber conflitos pero o que estou seguro é que sempre se resolven falando e sobre todo que iso tamén é unha aprendizaxe que da facer este proxecto.
Decembro de 2021
Matera, Basilicata, Italia
Xurxo Prieto