22 Oct Carta de Santiago, Diálogos para unha sociedade de futuro
Esta mañá presentouse na Cidade da Cultura de Galicia o foro «Carta de Santiago». Trátase dun encontro internacional que congregará a 40 líderes en eidos como a ciencia, a cultura, o medio ambiente ou o cambio social. Desenvolverase entre o 5 e o 7 de novembro en Santiago de Compostela.
Reunirá a representantes da Organización Mundial da Saúde ou a OCDE, ou científicos recoñecidos por algunhas das institucións máis prestixiosas do mundo –como o MIT ou a Universidades de Cambridge. Contará ademais con personalidades distinguidas con galardóns como o Premio Nacional de Ensaio, os Premios Princesa de Girona, premios de divulgación científica ou recoñecementos polo seu traballo en causas humanitarias e medioambientais.
No acto de presentación estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara Muñoz, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez e Marisol Soengas, xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas e representante do comité de cocreación que contribuíu de xeito destacado á elaboración do programa presentado hoxe.
Unha vez rematado o foro, os acordos e conclusións do encontro plasmaranse nun documento, a Carta de Santiago, que aspira a ser unha folla de ruta para afrontar os desafíos globais ós que se enfronta a sociedade actual.
Para a Fundación Paideia Galiza este foro supón unha gran oportunidade para contribuír á promoción do pensamento crítico coa mirada posta no futuro e sen perder de vista a contribución á construción dunha sociedade máis igualitaria, xusta e sostible.
A inscrición para asistir ao encontro na Cidade da Cultura pode realizarse desde hoxe, de balde, desde a web do evento.
Comisión de co-creación
Carta de Santiago conta cun comité de cocreadores que foi o encargado de darlle forma ao programa de contidos e relatores do encontro. Este comité está formado por persoeiros de diferentes eidos temáticos, e do que forman parte, por exemplo, Amparo Alonso, licenciada en Química e doutora en Física, catedrática da Universidade da Coruña e presidenta da Asociación Española para la Inteligencia Artificial (AEPIA). También participaron Pedro Calaza, doutor enxeñeiro agrónomo pola Universidade de Santiago de Compostela e director da Escola Galega da Paisaxe ou Mónica Fernández Aceytuno, licenciada en Ciencias Biolóxicas pola Universidad Complutense de Madrid, Premio Nacional de Medio Ambiente “Félix Rodríguez de la Fuente de Conservación de la Naturaleza” en 2003.
Completan o cadro de especialistas no eido científico os nomes de Ana Freire, doutora en Ciencias da Computación, Premio Fundación Real Academia de Ciencias al Joven Talento Científico Femenino e fundadora do Concurso Internacional Wisibilízalas; César de la Fuente, investigador en biotecnoloxía recoñecido polo MIT como un dos científicos máis innovadores menores de 35 anos; ou Marisol Soengas, xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas e vicepresidenta da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer, recoñecida coa Medalla Fritz Anders á Investigación en Cancro de Pel.
Por último, tamén se inclúen nesta comisión os nomes das empresarias Cristina Fernández-Armesto –socia da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda e Premio Empresarias de Galicia 2019– e Isabel López-Chamorro, agricultora ecolóxica e promotora da primeira comunidade de vivenda compartida interxeracional de Galicia; o escritor Domingo Villar, a xornalista Marga Pazos, a cantante e compositora Luz Casal, o pintor e escultor Franciso Leiro e a presidenta da Fundación Paideia Galiza, Sandra Ortega.
Sorry, the comment form is closed at this time.