SONEMERXENTE será a Aceleradora Musical de Galicia

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e Fundación Paideia Galiza veñen de presentar SONEMERXENTE, un programa de Aceleración Cultural de Proxectos Musicais que acompañará a 12 proxectos musicais galegos emerxentes durante o seu proceso de fortalecemento e presentación ao mercado.

SONEMERXENTE é un programa de aceleración musical que consta de dúas fases: unha primeira fase de aceleración, e unha segunda fase de promoción e mercados. Na primeira fase os proxectos musicais participantes recibirán servizos de consultoría e mentorización individualizadas en diferentes áreas do negocio musical, así como na creación e gravación dun produto musical e o deseño dun plan estratéxico de lanzamento, ou plan de negocio. A segunda fase incluirá diferentes actividades como a participación en diferentes circuitos de concertos, festivais e espazos profesionais da industria musical, a nivel galego e nacional, ou o desenvolvemento de actividades de networking e speedmeetings con outros referentes do sector.

Este programa de aceleración está dirixido a proxectos emprendedores no ámbito da música, polo que as persoas ou entidades que desexen formar parte del deberán ser novas empresas, físicas (autónomas) ou xurídicas, con menos de 5 anos de existencia desde o inicio da súa actividade. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas co compromiso de que formalizarán a súa constitución como empresa antes do inicio do proceso de aceleración, unha vez aceptada a súa condición de persoa beneficiaria para participar no programa.

O prazo de inscrición permanece aberto até o 28 de decembro para os proxectos musicais interesados na iniciativa, que se desenvolverá ao longo do vindeiro ano 2023. Podes consultar a convocatoria completa para o procedemento de selección de proxectos participantes no seguinte enlace, e acceder ao procedemento para a solicitude por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Ante calquera dúbida respecto do procedemento, pódese contactar o correo emprendimiento@paideia.es ou a través do teléfono 981 22 39 27.

Impulso ao sector musical galego

A Xunta de Galicia e a AGADIC designaron a Fundación Paideia Galiza como entidade colaboradora para a xestión e realización das actividades do programa da Aceleradora Cultural de Proxectos Musicais, nun esforzo conxunto para impulsar o sector musical galego e posicionalo como un referente na xeración de bens culturais cun alto valor innovador e que permita incrementar a súa competitividade a nivel global, posibilitando un crecemento das empresas galegas no sector.

SONEMERXENTE crease no marco do Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia ao amparo dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241.

No hay comentarios

Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.

X