
17 Oct Nova convocatoria do concurso Outra + Outra dirixido a bandas emerxentes da provincia da Coruña
A Fundación Paideia Galiza vén de poñer en marcha unha nova edición do programa Outra+Outra. Trátase dun certame dirixido a grupos e solistas emerxentes da provincia da Coruña.
O concurso está aberto a agrupacións emerxentes de calquera estilo musical. Constará de dúas fases. Na primeira, os interesados en participar, deberán presentar un tema musical orixinal e inédito, a través da páxina web do concurso. Terán de prazo ata o 6 de novembro de 2019.
Unha vez finalizado este prazo, os traballos presentados serán valorados por un xurado formado por profesionais da industria musical. Seleccionaranse as cinco mellores propostas. O fallo do xurado farase público o 13 de novembro.
Na segunda fase os cinco finalistas participarán nunha audición en directo. Celebrarase na Sala Malatesta de Santiago de Compostela o venres 29 de novembro. Ese mesmo día comunicaranse os dous gañadores que gravarán nos Estudios Mans da Coruña.
O certame Outra+Outra conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Apoio ó emprendemento musical
O concurso Outra+Outra celebra este ano a súa 15ª edición. Este certame súmase ás diferentes accións que a Fundación Paideia Galiza desenvolve baixo o seu eixe de emprendemento. A fundación, a través de Estudios Mans, pon ó servizo dos emprendedores as ferramentas necesarias para visibilizar e profesionalizar a súa carreira profesional.
Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.