30 Nov Lau e Maestro, gañadores do concurso de bandas emerxentes Outra+Outra
Dous proxectos tan diferentes como Lau e Maestro conseguiron convencer ao xurado composto por Patricia Hermida (Heredeiros da Crus, Agoraphobia, …), Josiño Carballo (Novedades Carminha, Holywater, …) e Carlangas (Novedades Carminha) na final do concurso de bandas emerxentes Outra+Outra.
A proposta íntima de Lau e a posta en escena de Maestro, foron clave para decantar esta audición final na que cinco bandas foron as encargadas de dificultar a selección, nunha gala en directo celebrada na sala Malatesta de Santiago de Compostela. O acto foi presentado por Rodrigo Vázquez e amenizado por Carlangas DJ set.
Inland Valley, Lora e Moito! son os outros grupos que participaron na final de Outra+Outra 2019, dando moito que falar, xa que calquera deles poderían ser os gañadores do concurso.
O primeiro premio desta edición consiste na gravación dun EP e a gravación dun video-single de carácter falso directo, e o segundo premio dunha gravación dun single e dun vídeo, tamén de carácter falso directo.
Outra+Outra é un concurso organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación da Coruña.
Apoio ó emprendemento musical
O concurso Outra+Outra, que este ano celebrará a súa 15ª edición, súmase ás diferentes accións que a Fundación Paideia Galiza desenvolve, baixo o seu eixe de emprendemento, para fomentar a actividade artística e musical poñendo ó servizo dos emprendedores as ferramentas necesarias para visibilizar e profesionalizar a súa carreira profesional. Entre as diferentes actividades que se desenvolven, artelladas a través de Estudios Mans, están as accións formativas para a mellora das competencias profesionais en áreas de xestión e plan de negocio, premios como recoñecemento do esforzo e posta en valor dos méritos dos artistas noveis ou concursos para participar en festivais ou para gravar nun estudio profesional.
Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.