27 Nov A Fundación Paideia e a Consellería do Medio Rural xuntos para a mellora xenética de frondosas autóctonas
A sede da Fundación Paideia Galiza acolleu a Xornada “Escollendo, mellorando e conservando as nosas árbores”.
O evento foi organizado o pasado 7 de novembro pola Fundación Paideia Galiza en colaboración coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
O obxectivo da sesión foi reforzar a aposta que as dúas institucións teñen pola produción de especies autóctonas. A finalidade é cubrir as demandas do sector forestal galego e contribuír a diminuír a dependencia externa na comercialización destas especies, procedentes doutros países da Unión Europea.
O acto estivo presidido polo conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez. Acompañouno Guillermo Vergara Muñoz, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza.
Participaron tamén diferentes expertos no sector:
- Mariano Toribio Iglesias, ex-investigador do Instituto Madrileño de Investigación e Desenvolvemento Rural, Agrario e Alimentario (IMIDRA).
- Felipe Pérez Martín, xefe de área de Recursos Xenéticos Forestais da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Política Forestal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
- Margarita Fraga Ares, directora técnica de Cultigar.
- José Martel Muñoz – Cobos, do Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural.
- Juan Majada Guijo, director científico do Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira – Fundación CETEMAS e do
- Francisco Dans del Valle, director da Asociación Forestal de Galicia (AFG).
A xornada estivo conducida polo presentador da TVG, Rodrigo Vázquez Rodríguez.
Convenio entre a Fundación Paideia Galiza e a Consellería do Medio Rural
Este evento forma parte das diferentes accións subscritas no marco do convenio firmado hai un ano entre a Consellería do Medio Rural e a Fundación Paideia Galiza.
O convenio contempla que o laboratorio de biotecnoloxía vexetal de Galicia (Cultigar), conxuntamente con persoal técnico e científico especializado da Consellería, leve a cabo novos clons seleccionados de cerdeira Prunus avium e a selección de 20 xenotipos de carballos recollidos en diferentes puntos de Galicia para escoller os que presenten mellores características forestais.
Deste xeito abastecerase ó sector de planta de calidade, que poderá ser empregada nos montes galegos e garantir a xeración de recursos para os seus propietarios e para a industria.
Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.