A cooperativa compostelá FENDA Studio Creativo, gañadora do Concurso de Proxectos de Cooperativas de Márketing Dixital

O pasado 13 de xuño celebrouse no Centro Xove de Creación Cultural de Santiago de Compostela,  o acto de presentación de proxectos participantes na formación “Márketing Dixital e Cooperativismo”.

O programa formativo, de carácter gratuíto, realizouse entre febreiro e xuño en Santiago de Compostela e A Coruña e dirixíase a mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego.

O Demoday, que contou coa colaboración do Concello de Santiago, serviu de marco para a entrega de premios do Concurso de Proxectos Cooperativistas no sector do Márketing Dixital. A través deste certame, organizado pola Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza outorgarase un premio para financiar a posta en marcha e o primeiro ano de actividade do proxecto gañador. Á convocatoria podían optar os equipos formados polo alumnado da formación en “Márketing Dixital e Cooperativismo”,

Un total de 4 mozas e mozos  conforman a cooperativa compostelá FENDA Studio Creativo, gañadora do Concurso de Proxectos de Cooperativas de Márketing Dixital impulsado pola Deputación da Coruña e Fundación Paideia

O evento de presentación de proxectos, no que se presentaron tamén a concurso as cooperativas Sonder, Xera e Akram, contou coa participación de Rosa Ana García, deputada de Emprego da Deputación da Coruña ; Eva Curto Izquierdo, en representación da undación EOI; Marina Ribas, Socia da cooperativa Moira, premiada na edición anterior;  Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza e María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Mocidade do Concello de Santiago de Compostela.

Este acto estivo presentado pola xornalista Alba Mancebo e contou coa actuación de Abril, un dúo formado por Claudia Abril (voz e percusión) e Marina Carpente (violín y voz), un proxecto musical no que se mesturan músicas de raíz galega e ibérica con outros xéneros, o que aporta ás melodías tradicionais un aire fresco, adaptándoas a sonoridades actuais.

 

Fomentando o  cooperativismo como modelo de emprendemento

 A Fundación EOI – Escuela de Organización Industrial (entidade dependente do Ministerio de Industria e Turismo)  e a Fundación Paideia Galiza levan desenvolvendo nos últimos anos accións dirixidas ao fomento do cooperativismo como modelo de emprendemento solvente. Tras as edicións de 2022 e 2023, nas que resultaron premiadas as cooperativas Kracia e Moira, realizouse unha terceira edición do programa “Marketing Dixital e Cooperativismo” na Coruña e Santiago de Compostela, co financiamento do Fondo Social Europeo.

O obxectivo do programa é mellorar a empregabilidade da mocidade galega creando oportunidades a través de modelos de traballo cooperativo nun sector en continuo crecemento como o do márketing dixital.

A esta iniciativa súmase o apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, que colabora coa Fundación Paideia Galiza na dotación do premio ao mellor proxecto cooperativista.

No Comments

Sorry, the comment form is closed at this time.

X