Presentación Institucional do Concurso con Nieves Olivera, Guillermo Vergara e José Ramón Rioboo

Kracia e Iceberg 360 fanse cos premios a Proxectos Cooperativistas no sector do Márketing Dixital

Un total de 8 mozas e mozos de entre 20 e 28 anos de idade conforman os proxectos premiados o pasado 14 de xaneiro de 2022 pola Deputación da Coruña, a Fundación EOI e a Fundación Paideia Galiza no Concurso para Proxectos Cooperativistas no sector do Márketing Dixital. Os proxectos cooperativistas Kracia, conformada por mozas e mozos de diferentes localidades da comarca do Barbanza, e Iceberg 360, liderado por mozas e mozos das comarcas do Eume e Ferrolterra, resultaron gañadores de premios de até 60.000€ para financiar a súa constitución como cooperativas e facilitar o seu primeiro ano de actividade.

Os equipos tralos proxectos presentados a concurso están formados por alumnas e alumnos da formación en “Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo” que a Fundación EOI – Escuela de Organización Industrial (entidade dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo) e a Fundación Paideia Galiza levaron a cabo nos últimos meses nas localidades de Boiro e As Pontes de García Rodríguez, co financiamento do Fondo Social Europeo. As iniciativas cooperativistas gañadoras contarán ademais co apoio, acompañamento e formación da Fundación Paideia Galiza, a Fundación EOI e especialistas da firma internacional de consultoría Ernst&Young.

O acto contou no xurado coa participación de José Ramón Rioboo, Deputado Provincial de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible; Nieves Olivera, Directora Xeral da EOI – Escuela de Organización Industrial; Goyo Panadero, Director de Comunicación, Marca e Reputación de Ernst&Young; Antón Ínsua, Secretario Técnico de Coop57 Galiza; así como coa intervención de Guillermo Vergara, Vicepresidente da Fundación Paideia Galiza.

Esta é unha iniciativa conxunta da Fundación Paideia Galiza, a Deputación da Coruña e a Fundación EOI – Escuela de Organización Industrial, pola que se procura mellorar a empregabilidade da mocidade galega, creando oportunidades a través de modelos de traballo cooperativo nun sector en continuo medre como o do Márketing Dixital.

No hay comentarios

Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.

X