20 Jul Aberta a inscrición no concurso de bandas galegas emerxentes Sonidos Mans Salas
A Fundación Paideia Galiza vén de poñer en marcha unha nova edición do seu concurso Sonidos Mans Salas. Está dirixido a solistas e bandas galegas emerxentes, de calquera estilo musical. Os dous proxectos gañadores poderán gravar un tema e un videoclip nos Estudios Mans da Coruña. Ademais, a banda ou solista clasificada coa mellor valoración, protagonizará unha actuación ao vivo nunha sala de concertos galega. A inscrición permanecerá aberta ata o 3 de agosto a través da web https://salas.sonidosmans.com/
Para participar, as bandas e solistas interesadas deben presentar un tema orixinal a través do formulario web. Nunha primeira fase, tódolos proxectos serán avaliados por profesionais do sector musical. Nesta ocasión participarán como xurado: Ángel Carmona (xornalista), Elda Gómez (coordinadora de ACCES e co-presidenta de Live DMA) e Santi Castromán (docente e profesional da industria cultural e audiovisual). Encargaranse de seleccionar ós tres proxectos finalistas que participarán nunha audición final en directo no marco do Festival de la Luz. O concurso Sonidos Mans Salas conta co apoio da Deputación da Coruña.
Esta edición do concurso Sonidos Mans Salas continúa cun traballo a prol do desenvolvemento de novos proxectos musicais sostíbeis. Súmase ás diferentes accións que a Fundación Paideia Galiza desenvolve, baixo o seu eixe de emprendemento. A finalidade deste eixe é fomentar a actividade artística e musical poñendo ao servizo dos emprendedores as ferramentas necesarias para visibilizar e profesionalizar os seus proxectos.
Entre as diferentes actividades que se desenvolveron a través dos Estudios Mans da Coruña, destacan actividades de formación en competencias profesionais. Tamén centra a súa actividade na promoción e gravación de artistas noveis.
A Fundación Paideia Galiza é unha organización galega creada en abril de 1986 para promover a igualdade de oportunidades e favorecer o desenvolvemento persoal e social mediante a creación de proxectos innovadores e sostibles.
Estudios Mans é unha iniciativa promovida pola Fundación Paideia Galiza, enmarcada no seu eixe de Emprendemento. Conta cunha sala de gravación de 240 m² , plató audiovisual con croma de 16×5 m e unha sala de control con material da máis alta gama.
Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.