As condicións de traballo nos eventos musicais centraron o debate da segunda xornada das Industrias Musicais organizada por Paideia e a Agadic

A Fundación Paideia Galiza, coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, organizou o pasado 5 de marzo o segundo dos encontros do IV Ciclo de Xornadas das Industrias Musicais.

Nesta segunda xornada, “Condicións de traballo nos eventos musicais” participou a avogada Patricia Gabeiras, experta en dereito da cultura e Carmen Zapata, xerente de ASACC e presidenta da asociación MIM (Mulleres da Industria Musical). Ambas son recoñecidas profesionais dentro do ámbito legal e musical e reflexionaron sobre as claves na organización dos eventos, a xestión dos recursos humanos e o seu marco xurídico.

A xornada estivo moderada pola xornalista Belén Regueira, cunha salientable traxectoria profesional nos medios públicos galegos. Regueira presentou o programa musical Chambo e dirixiu o espazo radiofónico Extrarradio que impulsou o concurso A polo ghit. No ano 2008 acadou o Premio Mestre Mateo á mellor comunicadora.

Participaron no acto o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara e o director da Agadic, Jacobo Sutil. O encontro contou ademais cun showcase acústico da artista La May.

A terceira e última xornada incluída dentro deste ciclo celebrarase o vindeiro 2 de abril tamén na sede da Fundación Paideia Galiza na Coruña. A temática que se abordará será: “A música, o territorio perfecto para unir marcas e consumidores”. O prazo de inscrición abrirase proximamente a través da web www.fundacionpaideia.es.

A Fundación Paideia Galiza e Agadic pretenden favorecer, coa organización destas xornadas, o intercambio, o debate e a reflexión do papel dos/as profesionais vencellados/as á industria musical.

 

No hay comentarios

Lo sentimos, en estos momentos no es posible realizar comentarios.

X